The Witcher 2 estrea retrocompatibilidade na Xbox One

xoves, 21 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

A listaxe de xogos de Xbox 360 que poden correr en Xbox One continúa a medrar, e hoxe Microsoft anuncia os títulos que estrean retrocompatibilidade en xaneiro, á vez que salientan o feito de que van mudar o xeito de facer tal, xa que a partires de agora, en vez de ampliar o número de xogos unha vez ao mes farano en canto a adaptación de cada xogo estea feita e autorizada polo seu editor, atendendo así ás demandas dos usuarios.
Os xogos que estrean retrocompatibilidade hoxe son Sam & Max Save the World, Aegis Wing, Counter-Strike: GO, Age of Booty, Space Giraffe, Soulcalibur, Skullgirls, Jeremy McGrath’s Offroad, Small Arms e The Witcher 2: Assassins of Kings, destacando este último por ofrecerse de balde até o 5 de febreiro para usuarios de Xbox en EE.UU., Canadá, Reino Unido, Francia e Alemaña (promoción claramente dirixida a instar aos usuarios a dar unha oportunidade á última entrega da súa saga).
Lembremos que en anteriores meses xa se incorporaron xogos como Assassin’s Creed II, Borderlands, Fable III, Fallout 3, Gears of War 3, Halo: Reach, Just Cause 2 e Mass Effect, deixando claro que estamos ante unha funcionalidade capaz de mover os xogos máis potentes de Xbox 360 en Xbox One, superando así unha barreira que parecía imposible, e incluso conseguindo que os vellos xogos poidan contar con funcionalidades da nova xeración de consolas como facer capturas de pantalla, gravar en vídeo as partidas ou incluso poder xogar remotamente dende un ordenador con Windows 10.
ACTUALIZACIÓN (22-1-2016): Finalmente ampliaron a promoción de The Witcher 2 de balde ao territorio español.

PUBLICIDADE