This Is Vegas podería terse cancelado tras un investimento duns 50 millóns de dólares

mércores, 25 de agosto do 2010 Marcus Fernández

A potencia das videoconsolas actuais levou aos xogos a converterse en auténticas superproducións nas que participan centos de profesionais de distintos ámbitos e nas que manéxanse orzamentos millonarios, coma se dunha película de cine se tratase, polo que non debería sorprender que de cando en vez escoitemos falar de cancelacións de proxectos, coma parece ser o caso de This Is Vegas, un título de Surreal e Midway (Warner Bros) do que viña falándose nos últimos 2 anos e que agora parece caer no esquecemento tras dilapidar máis de 50 millóns dólares.
O xogo sería algo semellante ao Grand Theft Auto IV de Rockstar, pero ambientado en Las Vegas, combinando o xogo nos casinos con pelexas, carreiras de coches e festas para crear un mundo de luxo e luces de neon no que non parece quedar moi claro o seu atractivo (mudar crime por apostas non parece suficiente para desenvolver unha boa historia), de aí que agora dende CVG comentan que o proxecto tería caído totalmente, asegurando que no momento no que venderon Midway a Warner Bros (hai cousa dun ano) xa levaban gastados 43 millóns de dólares en This Is Vegas, e tiña previsto rematarse nuns 8-12 meses, gastando a razón de 250.000 dólares/mes, o que parecía unha dilapidación de cartos ridícula (xogos con orzamentos de 3 millóns de dólares conseguen beneficios), pois para poder recuperar este investimento terían que ter unhas vendas fortísimas, o que non parecía probable.
Tamén hai que ter en conta que polo momento só estamos a falar dos custos de desenvolvemento, cando o gasto en promoción dun xogo tende a ser elevadísimo (moitos títulos gastan máis neste capítulo que na propia creación dos xogos) e seguir adiante co proxecto podería ter coma consecuencia o incremento das perdas (en vez dunha minimización das mesmas).

This Is Vegas pretendía amosar a parte máis lúdica e glamurosa de Las Vegas
A acción non faltaría no xogo, o que parecía un intento de achegarse ao público de GTA IV

PUBLICIDADE