Threads ábrese ao fediverso

xoves, 21 de marzo do 2024 Marcus Fernández

A plataforma coa que Instagram busca ocupar o lugar de X/Twitter, Threads, continúa a evolucionar e cumprir co prometido hai meses e, ao igual que xa está a probar os Trending Topics nos EE.UU., agora anuncian a estrea de Threads no fediverso.
Os usuarios de Threads en EE.UU. e algún outro territorio, que teñen perfís públicos, poden agora habilitar os seus perfís para que estean federados, permitindo que as publicacións de Threads poidan compartirse noutros servidores compatibles con ActivityPub, e permitindo que as persoas neses servidores poidan seguilos e interactuar con eles.
Estamos ante unha iniciativa realmente desafiante no mundo das plataformas sociais privadas, xa que facilita a interoperabilidade entre plataformas. Deste xeito, Threads avanza no seu propósito de construír unha plataforma social descentralizada, de xeito que non só é unha alternativa a X/Twitter, senón que tamén xunta forzas con Mastodon e outras plataformas semellantes baseadas en ActivityPub.
Dende Meta lembran que a filosofía de comunicacións descentralizadas é unha das bases da Internet e, como grande exemplo pon ao correo electrónico, que está distribuído en múltiples servidores na Rede, e co fediverso o que se fai é construír algo semellante coas redes sociais, o que consideran que é beneficioso para a innovación e a diversidade no ecosistema das plataformas de redes sociais.
Mesturar unha plataforma social privada co fediverso non é unha tarefa doada, e realizarase por fases, de xeito que non só limitará as súas probas territorialmente, senón que tamén irá lanzando novidades en múltiples pasos, facilitando que no futuro os contidos poidan fluír entre Threads e o fediverso.