Threads chega finalmente a Europa

xoves, 14 de decembro do 2023 Marcus Fernández

Tras meses de espera, por fin está dispoñible Threads en Europa, plataforma coa que Instagram quere atender a demanda de usuarios desencantados con X/Twitter dende que a plataforma está controlada por Elon Musk, e que na actualidade é a alternativa de máis éxito por moita diferenza tanto en número de usuarios como en actividade.
O retraso en chegar Threads a Europa responde á improvisación do seu lanzamento, apresurado como resposta a varios dos escándalos de Musk en X/Twitter, pois a ferramenta carecía de demasiadas funcións e non era respectuosa co uso dos datos persoais, xa que bebía de Instagram dun xeito ilegal en Europa (por exemplo, era imposible darse de baixa de Threads sen perder a conta de Instagram).
Grazas aos adiamentos, finalmente temos unha plataforma social centrada no texto, que aínda que está pensada para o seu uso no móbil pode utilizarse vía web (algo moi recente), conta con etiquetas temáticas como alternativa aos cancelos (función que apenas leva uns días operando) e incluso permite inserir imaxes GIF animadas, enquisas e notas de voz (sendo bastante abraiante esta última opción, que indica que dende Instagram queren facer as cousas diferentes con esta plataforma).
Co lanzamento de Threads en Europa a nova plataforma está ao alcance de 448 millóns de cidadáns, e posiblemente consiga unha mellor aceptación no noso territorio que en países nos que xa leva uns meses dispoñible, simplemente polo feito de que estréase como unha aplicación bastante madura e nun momento no que a reputación de Elon Musk está polo chan.
Threads tamén está a explorar unha estratexia máis aberta que outras plataformas, e xa iniciaron as probas para que as contas de Threads estean dispoñibles en Mastodon e outros servizos baseados no protocolo ActivityPub, polo que ofrecerán máis opcións de interacción do habitual, o que é tanto un reto como unha oportunidade.
O éxito ou fracaso de Threads está agora nas mans dos usuarios, que son os que decidirán se este novo espazo sucederá a Twitter ou converterase nunha plataforma totalmente diferente, que polo momento parece estar a conseguir un dos seus obxectivos: fuxir da toxicidade, os discursos de odio e a desinformación.