Threads permite anexar textos longos

xoves, 4 de setembro do 2025 Redacción

Threads está a ampliar as posibilidades de expresión para os seus usuarios coa introdución dunha nova funcionalidade, a opción de anexar ata 10.000 caracteres de texto a unha publicación, que atende á demanda dos usuarios, que en numerosas ocasións recorrían a capturas de pantalla de libros, artigos, boletíns, transcricións de podcasts e outros contidos cando o límite de 500 caracteres resultaba insuficiente.
Con esta novidade, o texto engadido poderá lerse directamente en Threads, facilitando compartir reflexións máis complexas, atraer audiencias e dar visibilidade a traballos doutros ámbitos. Ademais, se se trata dun adianto ou fragmento doutro contido, será posible incluír unha ligazón ao material completo no corpo principal da publicación.
Esta funcionalidade abre novas oportunidades tanto para creadores como para comunidades: un escritor pode adiantar parte dunha novela en preparación, mentres que un xornalista pode promocionar o seu último artigo de opinión.
Os anexos de texto forman parte do seu esforzo por mellorar a experiencia dos creadores en Threads e fomentar que as comunidades se reúnan arredor de intereses compartidos, ao tempo que se recolle retroalimentación para futuras melloras.