Threads rexistrou 35 millóns de altas no que vai de mes

martes, 26 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Aínda que podemos ter a percepción de que a meirande parte dos usuarios que foxen de X/Twitter rematan en Bluesky, aseguran que o crecemento de Threads tampouco queca atrás, e nos 26 primeiros días de novembro tería experimentado 35 millóns de altas segundo declaracións do voceiro de Meta, Andy Stone.
Dado que o mes pasado Threads aseguraba ter superado os 275 millóns de usuarios activos, podemos entender non só que a estratexia de Meta con esta plataforma está a ser un acerto, senón tamén que Bluesky, con menos de 23 millóns de usuarios, estaría moi lonxe do volume de Threads, e incluso hai indicio de que a actividade en Bluesky leva preto dunha semana caendo, algo que podería explicarse polo mero feito de que os usuarios que veñen de chegar non desenvolveron unha rede de contactos ampla e nin unha fidelidade á plataforma, debéndose a súa migración dende X máis a un descontento polo xeito de manexar a compañía por parte de Elon Musk que polo atractivo de Bluesky (que aínda está en pleno desenvolvemento, polo que aínda está a tempo de introducir cambios importantes que poidan disparar a súa popularidade e reter aos usuarios a longo prazo).
En calquera caso, tanto Threads como Bluesky están a preparar cambios importantes, como a introdución de publicidade e outros modelos de negocio, pois até o momento estaban nunha fase de captación de usuarios nas que non eran prioritarias as fórmulas que permitan tirar xerar ingresos económico, situación que non pode manterse eternamente.