Threads supera os 200 millóns de usuarios activos

venres, 2 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Aínda que coller a remuda de Twitter non parece unha tarefa doada e a meirande parte de alternativas que xurdiron tras a compra da plataforma por parte de Elon Musk desapareceron aos poucos meses, temos unha iniciativa que está a manter o seu pulo, e Threads anuncia estes días que superou a barreira dos 200 millóns de usuarios activos.
Esta plataforma social asociada a Instagram, pero máis orientada ao texto, está a conseguir crear comunidade e conseguir consolidarse como un espazo libre da toxicidade de X (plataforma que empeorou moito baixo a dirección de Musk).
Cómpre salientar que, aínda que Threads estea a conseguir unha boa base de usuarios, e sexa un espazo de diálogo e difusión de información seguro, segue sen servir como plataforma para o seguimento da actualidade en tempo real. Funcións como as tendencias aínda están en probas, dando a impresión de que Threads non ten presa en converterse nunha alternativa real a X, e prefiren apostar pola cordialidade das interaccións e a boa sintonía con plataformas sindicadas como Mastodon, co que conseguen fuxir da imaxe que teñen plataformas como Instagram e TikTok, o que pode ser unha boa estratexia a longo prazo.