Threads supera os 300 millóns de usuarios activos

martes, 17 de decembro do 2024 Marcus Fernández

O rexeitamento cara a X/Twitter levou a que moitos usuarios buscasen outras plataformas sociais nas que relacionarse con outros usuarios dun xeito máis seguro e menos tóxico, provocando certo rexurdir de Bluesky (que freou considerablemente o seu crecemento, contando actualmente cuns 25 millóns de usuarios) e conseguindo que Threads mantivese o seu pulo até conseguir o fito que vén de indicar Mark Zuckerberg: Threads conta xa con máis de 300 millóns de usuarios mensuais activos dos que máis de 100 millóns son usuarios diarios.
Este non é o único signo da boa saúde de Threads, senón que esta plataforma social que xira ao redor do texto (aínda que conta con bastantes imaxes e vídeo, en consecuencia de que nace como unha pola de Instagram) tamén tivo un lugar moi destacado entre as aplicacións máis descargadas na App Store nos EE.UU. durante 2024, onde conseguiu unha segunda posición, superando a TikTok, ChatGPT, Instagram e WhatsApp, e quedando só por detrás de Temu.
En calquera caso, o volume de actividade de X segue a ser moi superior, e queda por ver se realmente as plataformas alternativas collerán o seu propio rumbo ou se realmente chegarán a substituír á plataforma de Elon Musk a longo prazo.