Threads vai camiño de igualar a X en usuarios activos no móbil

luns, 7 de xullo do 2025 Redacción

Threads, a rede social nacida de Instagram, está cada vez máis preto de igualar a X en número de usuarios diarios na súa aplicación móbil segundo datos de Similarweb correspondentes a xuño de 2025, que reflicten que Threads acadou 115,1 millóns de usuarios activos diarios en iOS e Android, o que supón un incremento interanual do 127,8 %. Pola súa parte, X rexistrou 132 millóns, pero cun descenso do 15,2 % fronte ao mesmo mes de 2024.
Mentres tanto, Bluesky (considerado por moitos usuarios españois como o principal refuxio á toxicidade de X), medrou un 372,5 % interanual, mais os seus usuarios diarios móbiles seguen a ser modestos: 4,1 millóns. A pesar de contar con máis de 37 millóns de usuarios rexistrados, a súa implantación real segue sendo limitada. Threads, pola súa banda, xa superou os 350 millóns de usuarios activos ao mes.
Threads podería converterse nun rival real para X no ámbito móbil, o cal ten implicacións directas para a publicidade, principal vía de ingresos da plataforma de Meta. Porén, en uso web, a vantaxe segue sendo clara para X: 145,8 millóns de visitas diarias fronte aos 6,9 millóns de Threads e os 5,3 millóns de Bluesky.
Bluesky, segundo os analistas, podería consolidarse a longo prazo se consegue atraer usuarios interesados no seu modelo aberto e descentralizado. En cambio, aqueles que simplemente migran por rexeitamento a X poderían acabar volvendo á plataforma de Elon Musk ou optando por Threads se non atopan unha proposta clara de valor.