Thunders UVigo proclámase subcampión de España da League of Legend

luns, 19 de xuño do 2017 Redacción

Para quen non saiba que son os eSports, dicirlle que son actividades de lecer dixital nas que entran en xogo (e nunca mellor dito) competicións de videoxogos, por unha banda, e internautas a título individual ou en grupos do mesmo xeito que se foran deportistas tradicionais, pola outra. Dito isto, cómpre sinalar que a nosa terra comeza dende hai tempo a despuntar neste ámbito deportivo-electrónico. Un exemplo é a traxectoria do equipo universitario vigués de eSports, os Thunders UVigo. Esta mesma fin de semana que vimos de deixar atrás, sen ir máis lonxe, o cadro proclamouse subcampión de España da League of Legends na final da liga universitaria de eSports (OGSeries University) celebrada no Polideportivo Antonio Magariños de Madrid.
Segundo lembraron os seus integrantes, malia ser debutantes na competición, dende o principio deron sinais claros de que podían chegar á final e acadar o primeiro posto, aínda que finalmente non puidera ser. Chegamos con moitas forzas tras vencer aos Stingrays de Valencia, pero tamén conscientes de que a batalla non ía ser doada”, explicou Javier Carrera Gravity, un dos integrantes do equipo, quen salientou que, “pese a todo, estamos moi satisfeitos, xa que foi unha experiencia fantástica”.
Agora, rematada liga universitaria, toca descansar até a vindeira tempada. Porén, os integrantes de Thunders UVIgo seguirán en activo en varias competicións, aínda que a título indivisual.
Xunto a Gravity, estudante de Ciencias do Mar, o cadro vigués está integrado por Mario González, Yurner0s, que este curso remata Enfermería, o estudante de Enxeñaría Informática Pablo González Peiboll, o alumno de Enxeñaría de Telecomunicación, Iago Pallares Epsyle e Pablo Vilaboa Speiwalker, que cursa Enxeñería Mecánica. Segundo lembra Gravity, se ben o equipo ten as portas abertas a novas incorporacións “non xogamos tantos partidos como para precisar un número moi elevado de suplentes, de feito, non deberiamos ser máis de seis”.

PUBLICIDADE