TikTok compartirá os ingresos publicitarios cos creadores

venres, 6 de maio do 2022 Marcus Fernández

A plataforma social de maior pulo actualmente é TikTok, pero esta plataforma non quere seguir a sorte de Vine, que perdeu usuarios masivamente despois da fuxida dos seus principais creadores de contido, insatisfeitos por non poder tirar proveito económico polo seu traballo. Por iso presentan TikTok Pulse, unha nova solución de publicidade contextual, que permitirá ás marcas ter control sobre a súa publicidade para conseguir unha maior integración para conectar coa comunidade de usuarios.
Baixo TikTok Pulse crearanse ferramentas que permitirán ás marcas aparecer xunto aos contidos de máis éxito en TikTok, as accións poderán dirixirse entre as distintas categorías temáticas de TikTok (12 inicialmente) e tamén garantirá certa seguridade ao amosar os anuncios en lugares axeitados (contando tamén con ferramentas para analizar o impacto das campañas).
Pero o máis importante de Pulse é que tamén terá en conta aos creadores de contido en TikTok, de xeito que os creadores e editores que conten con máis de 100.000 seareiros poderán entrar nun programa que facilitará unha comisión sobre a publicidade que se amose xunto ás súas creacións, ou sexa, que TikTok funcionará dun xeito semellante a YouTube, o que permitirá que os creadores reciban unha compensación directa polo seu traballo, o que servirá para que a plataforma reteña talento e cimente o seu futuro.
Quedan agora por saber detalles como cando chegarán estas retribucións aos creadores, as proporción da publicidade que recibirán ou incluso os territorios nos que o programa estará dispoñible.

PUBLICIDADE