TikTok estrea canles de difusión

xoves, 13 de novembro do 2025 Redacción

TikTok vén de estrear Bulletin Board, unha ferramenta integrada na aplicación que permite aos creadores compartir actualizacións, avisos e contido exclusivo cos seus seguidores dun xeito máis directo, na liña das canles de Instagram. Trátase dunha canle de difusión dun a moitos pensada para reforzar o vínculo entre creadores e comunidade, ao facilitar unha comunicación máis clara e inmediata.
Durante a fase beta, Bulletin Board xa foi utilizada por artistas, medios como People Magazine e equipos deportivos como o Paris Saint-Germain para adiantar novidades, anunciar lanzamentos ou mobilizar ás súas audiencias. Os músicos, por exemplo, poden empregar este espazo para promocionar novos temas ou convidar aos seus seguidores a pre-gardar futuros lanzamentos, que despois poden engadir facilmente ao seu servizo de música habitual grazas á función Engadir á aplicación de música.
A posta en marcha dunha Bulletin Board é sinxela: os creadores acceden á súa bandexa de entrada, seleccionan a opción correspondente e poden decidir se amosan ou non a canle no seu perfil, ademais de escoller un nome propio para ela. Pola súa banda, os seguidores poden unirse desde o perfil do creador e recibirán notificacións cada vez que haxa unha nova publicación, podendo reaccionar con emojis.
Bulletin Board comeza a implantarse globalmente e estará dispoñible para todos os creadores maiores de 18 anos que conten con, polo menos, cincuenta mil seguidores. TikTok destaca que esta funcionalidade busca reforzar a actividade creadora e favorecer comunidades máis cohesionadas arredor dos seus perfís favoritos.