TikTok permitirá eludir o seu algoritmo en Europa

venres, 4 de agosto do 2023 Marcus Fernández

Os xigantes da Internet deberán cumprir certas obrigas na Unión Europea antes do 28 de agosto, data límite fixada para a aplicación da Lei de Servizos Dixitais (DSA), o que leva a TikTok a incorporar cambios moi importantes, como un xeito máis doado para denunciar contido ilegal, achegar máis información sobre as accións de moderación de contidos, cambios nos anuncios personalizados (que deixarán de estar visibles para mozos de entre 13 e 17 anos) e, moi especialmente, unha maior transparencia sobre o sistema de recomendación da plataforma, tan importante para o éxito de TikTok, pois é o seu algoritmo o que fai que os usuarios empreguen durante tanto tempo a súa aplicación.
Aparte dos cambios xa aplicados como a opción de poder reiniciar o fío Para ti de xeito que TikTok pasa a comportarse como se o usuario fose novo, en breve os usuarios da UE poderemos desactivar completamente a personalización dos contidos, de xeito que as recomendacións xa non serán persoais, senón que limitaranse a amosar contidos populares (na zona na que vivimos ou a nivel global). Nas opcións de Seguidos e Amigos os contidos pasarán a amosarse en orde cronolóxica, e non na orde que decida o algoritmo de recomendacións.

PUBLICIDADE