TikTok permitirá mandar notas de voz nas mensaxes privadas

venres, 29 de agosto do 2025 Redacción

TikTok anunciou novas funcións para reforzar a interacción entre usuarios a través das mensaxes directas: permitirá enviar notas de voz de ata 60 segundos e compartir ata nove imaxes ou vídeos en conversas individuais e en grupos, o que achega a TikTok ás aplicacións máis habituais de mensaxería.
As notas de voz atenderían a unha demanda do mercado, co público mozo adoptando cada vez máis tal formato de comunicación. Pola súa banda, o envío de fotos e vídeos poderá facerse tanto desde a cámara como desde a galería do móbil, con opcións de edición previas ao envío. Por motivos de seguridade, non se poderá enviar unha imaxe ou vídeo como primeira mensaxe a un destinatario, e a aplicación lembrará aos usuarios a importancia de protexer a súa privacidade.
TikTok tamén reforza os mecanismos de protección: os menores de 16 anos non teñen acceso ás mensaxes directas, mentres que para usuarios de 16 a 18 anos existen sistemas automatizados que bloquean o envío de contido con espidos. Os maiores de 18 poderán activar ou desactivar esta función nas súas opcións de configuración.
Con estas novidades, que se irán despregando nas vindeiras semanas, TikTok busca consolidarse non só como unha plataforma de lecer, senón tamén como un espazo de comunicación habitual.