TikTok podería ter que pagar unha sanción de 500 millóns de euros por enviar datos persoais a China

xoves, 3 de abril do 2025 Marcus Fernández

Un par de comisarios do organismo de protección de datos irlandés xuntáronse esta mesma semana co ministro de Xustiza Jim O’Callaghan

Bloomberg asegura que antes de rematar o presente mes a Comisión de Protección de Datos de Irlanda emitirá unha sanción a TikTok por mor das vulneracións do Regulamento Xeral de Protección de Datos vixente na Unión Europea, que podería superar os 500 millóns de euros.
Estamos ante a resolución dun expediente aberto hai 4 anos, por mor das transferencias por parte de ByteDance de datos persoais de usuarios europeos a China, onde eran accesibles a enxeñeiros da compañía.
Esta multa chega nun momento moi sensible para TikTok, xa que está a piques de rematar o prazo que deu Donald Trump ao tomar posesión da presidencia dos EE.UU. para solucionar o problema provocado pola prohibición da aplicación social no territorio estadounidense, que segue en vigor mentres TikTok continúe a ser unha compañía que consideren que está baixo o control chinés.