TikTok presenta unha función que anima fotografías mediante IA

mércores, 14 de maio do 2025 Redacción

TikTok acaba de presentar AI Alive, unha nova funcionalidade creativa impulsada por intelixencia artificial que permite converter fotos estáticas en vídeos curtos e dinámicos dentro das historias da plataforma. Trátase da primeira ferramenta da rede social que transforma imaxes en movemento, ofrecendo unha experiencia inmersiva deseñada para todos os usuarios, sen necesidade de experiencia en edición.
A través de AI Alive, calquera pode animar unha fotografía e enriquecela con efectos visuais, sonoros e atmosféricos. A plataforma pon como exemplo unha imaxe dun solpor que pode cobrar vida cun ceo que cambia de cor, nubes en movemento e o son das ondas rompendo na distancia. Tamén se pode aplicar a retratos grupais, captando sorrisos e xestos espontáneos dos participantes.
Para empregar esta nova función hai que acceder á cámara das historias, seleccionar unha fotografía da nosa galería, premer na icona de AI Alive e describir mediante texto a transformación que desexemos da imaxe.
TikTok asegura que AI Alive incorpora sistemas de seguridade e moderación automáticos para evitar abusos, revisando tanto a foto como o texto que activa a xeración, e tamén o vídeo resultante. Ademais, os contidos xerados con esta ferramenta estarán identificados cunha etiqueta de procedencia e metadatos C2PA que informan de que son produto da intelixencia artificial, mesmo fóra da plataforma.