TikTok supera a barreira dos 200 millóns de usuarios europeos

luns, 8 de setembro do 2025 Redacción

TikTok anunciou que máis de 200 millóns de persoas en Europa utilizan a plataforma cada mes (dos que 23,4 millóns estarían en España), cantidade que abrangue os países do Espazo Económico Europeo e o Reino Unido, o que supón un forte incremento respecto dos 175 millóns rexistrados o ano pasado e sitúase xa preto dun terzo da poboación do continente.
O impacto do crecemento da comunidade reflíctese tanto na economía como na cultura e na sociedade europeas. Pequenas empresas atopan novos clientes grazas ao sistema de recomendación de TikTok (destacando a compañía o caso da mercería coruñesa La Crisálida), institucións culturais e artísticas amplían o seu público e comunidades como #BookTok impulsan a lectura entre a mocidade. Tamén destaca a canle dedicada a contidos de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM), que atrae cada semana a unha de cada catro persoas novas usuarias a nivel global.
No ámbito cultural, a plataforma consolidouse como socio oficial do Festival de Cannes e colaborou con grandes citas deportivas como o Tour de Francia, o Seis Nacións de rugby ou os Xogos Olímpicos de París. Institucións como a Royal Shakespeare Company ou a Galería Uffizi tamén utilizan TikTok para chegar a novas audiencias.
O dato de usuarios activos mensuais inclúe 32 países, entre eles España, e baséase na mesma metodoloxía empregada por TikTok nos informes de transparencia que presenta en virtude da Lei de Servizos Dixitais da Unión Europea.