TikTok terá grupos de chat

luns, 12 de agosto do 2024 Marcus Fernández

TikTok non quere conformarse con ser unha plataforma de consumo de vídeo vertical, e tamén busca unha maior interacción dos seus usuarios a través da mensaxería instantánea, compartindo contidos cos amigos, e para potenciar esta funcionalidade anuncian novas prestacións: adhesivos e conversas grupais.
Os adhesivos ou stickers son unha forma de expresarse moi popular noutras plataformas sociais, e agora están dispoñibles en TikTok, onde a comunidade de usuarios pode crear e subir os seus adhesivos para que poida empregalos calquera, contribuíndo así a unha comunicación máis divertida e creativa.
As conversas grupais están actualmente a espallarse entre os usuarios, permitindo crear grupos de até 32 persoas que poidan conversar e compartir de xeito doado os seus vídeos favoritos. Cómpre salientar que esta funcionalidade non está dispoñible para menores de 16 anos, e para o resto de usuarios integra medidas de seguridade como só permitir que os amigos poidan engadilos a un grupo de chat. Tamén se establecerán limitacións como o número de veces que pode reenviarse unha mensaxe ou o número de grupos que pode crear unha única persoa.