TikTok xa recibe máis investimento en marketing de influentes que Facebook

mércores, 3 de agosto do 2022 Marcus Fernández

A preocupación de Instagram por TikTok parece estar máis que xustificada, pois datos publicados por Influencer Marketing desvelan que que este ano nos EE.UU. o investimento en marketing de influentes en TikTok superou ao de Facebook, estimándose que nun par de anos podería chegar a superar ao de YouTube (aínda que Meta ten aínda moita marxe de reacción, xa que Instagram continúa a ser a plataforma que capta máis investimento neste tipo de publicidade que TikTok e YouTube xuntos).
Aseguran que actualmente Facebook atraería 739 millóns de dólares en marketing de influentes nos EE.UU., superado por TikTok con 774,8 millóns de dólares, acurtando distancias cos 948 millóns de YouTube. A flexibilidade de Instagram permítelle captar 2.231,1 millóns de dólares nesta modalidade de marketing, algo que non tería que mudar no tempo, xa que Instagram ten tantos formatos de contido distintos que pode adaptarse a moitas necesidades e hábitos de consumo de contido, e precisamente a súa tiktokización podería estar a evitar unha caída, aínda que sexan moitos os que critican a deriva da plataforma nos últimos tempos nos que Instagram estaría a perder a súa esencia para dar excesiva importancia ao vídeo, aos contidos a pantalla completa e aos contidos recomendados.
Sosteñen que a forza de Instagram no marketing de influentes é que o seu funcionamento favorece a existencia de nanoinfluentes (entre mil e 5 mil seareiros) e microinfluentes (entre 5 e 20 mil seareiros), mentres que outras plataformas dan demasiado peso a influentes a maior escala. Os anunciantes non sempre poden permitirse investir en campañas con megainfluentes (os que superan o millón de seareiros), de aí que os creadores de contido a pequena escala teñan tanta importancia no mercado publicitario.
Cómpre ter en conta que TikTok non manexa as súas estatísticas dun xeito moi razoable, tendendo a esaxerar as súas cifras de reprodución de vídeo, así como a súa falta de control ante contas de usuario falsas, de aí que os anunciantes tamén teñan certas reservas ante a plataforma social de moda, da que aínda non se coñece o seu teito.

PUBLICIDADE