Tinder proba as citas en vídeo

mércores, 8 de xullo do 2020 Marcus Fernández

Durante o confinamento as aplicacións de busca de parella atoparon bastantes atrancos para facilitar o contacto entre os seus usuarios, carencia que buscan corrixir, polo que Tinder está a probar entre usuarios de EE.UU., Brasil, Australia, Italia, Francia, Vietnam, Indonesia, Corea, Taiwán, Tailandia, Perú, Chile e España a posibilidade de realizar videoconferencias dende a propia aplicación, buscando así establecer un contacto inicial antes dun encontro presencial, mantendo certos niveis de seguridade.
Dende Tinder desenvolveron as videoconferencias 1:1 dando prioridade á seguridade, de xeito que antes de iniciar a conversa en vídeo é preciso que ambos participantes fixeran match e tivesen activada a función de facer videochamadas (podendo desactivala en calquera momento). Unha vez rematada unha conversa en vídeo os usuarios poderán decidir se queren repetir a experiencia en vídeo e incluso informar no caso de atoparse con algún tipo de comportamento abusivo.
Durante o confinamento os usuarios de Tinder recoñeceron realizar videoconferencias con algún match, e incluso unha porcentaxe importante dos mesmos optou pola realización de varias videoconferencias antes de decidirse por un encontro no mundo real, de aí que esta nova funcionalidade resulte tan interesante.

PUBLICIDADE