Tiny Wings actualízase e estrea versión para iPad

xoves, 12 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Tiny Wings incorpora novos modos de xogo na súa actualización

O ano pasado un dos xogos de máis éxito no iPhone foi Tiny Wings, que cunha mecánica moi sinxela (só precisaba de tocar a pantalla do móbil para controlar a velocidade de caída dun paxaro para conseguir percorrer a maior distancia posible e superar distintos retos) conseguiu acumular millóns de descargas e mesmo foi elixido como o mellor xogo para iPhone no App Store Rewind 2011 en Europa, e esta mesma noite actualizouse de balde á súa versión 2.0 como agradecemento aos seus usuarios á vez que estreou unha versión para iPad que pode adquirirse por 2,39 euros.

Tiny Wings HD permite xogar a pantalla partida

Entre as novidades de Tiny Wings temos un novo modo de xogo (Escola de voo), 15 niveis feitos a man, novos poliños na familia, soporte de pantalla Retina, voos nocturnos, compatibilidade con iCloud, menú mellorado e máis idiomas (entre os que figura o español). Isto no que se refire ao xogo para iPhone, pois o xogo para iPad conta con moitas máis novidades como un modo multixogador nun único iPad (cun modo a pantalla partida).
Tiny Wings HD ten 3 modos de xogo (Excursión, escola de voo e festa no outeiro) e permite xogar como paxariño ou como a súa nai. Unha interesante renovación do xogo que sen dúbida sumaralle aínda máis seareiros.


Orixinal vídeo promocional da actualización de Tiny Wings

PUBLICIDADE