Torchlight II supera o millón de copias vendidas

mércores, 2 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Runic Games anunciou que nos últimos días o seu xogo Torchlight II conseguiu superar o millón de unidades vendidas, o que é un importante logro para este RPG de acción lanzado o pasado mes de setembro e que está a consolidarse como a principal alternativa a Diablo III (sendo incluso máis fiel ás primeiras entregas de tal franquía que a última entrega de Blizzard).
Cómpre destacar que Torchlight II é un xogo exclusivo para ordenadores persoais, non existindo ningún plan de levalo a consolas, paso que si é moi posible que dea Diablo III nos vindeiros meses. Actualmente a saga de Torchlight está en promoción en Steam, podendo adquirirse o primeiro xogo cun 75% de desconto e esta última entrega co 50% (co que quedaría en 9,49 euros) o que é unha boa oportunidade para gozar destes magníficos representantes dun xénero que acumula seareiros en todo o mundo.

JPEG - 114.5 KB

PUBLICIDADE