Todo listo para a celebración da II Xornada Nacional de Mulleres en Enxeñaría en Informática, organizada polo CCII e o CPEIG
xoves, 26 de xuño do 2025
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) celebra este venres 27 de xuño dúas actividades de gran relevancia: por unha banda a II Xornada Nacional de Mulleres en Enxeñaría Informática (coa entrega do Premio Ángela Ruiz Robles a Catalina Grimalt) e pola outra, a partir do serán, a celebración da XVII Noite Galega da Enxeñaría en Informática, no Hotel Puerta del Camino de Santiago. Respecto da primeira das actividades, desenvolverase no Salón Fonseca do Hotel OCA Puerta del Camino entre as 11.00 e as 14.00 horas.
Esta xornada está organizada polo grupo de traballo de Mujeres en Ingeniería Informática do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería Informática (CCII) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG).
A cita será inaugurada por Mercedes Oliva, representante e membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e membro da xunta de goberno do Colegio Profesional de Ingeniería Informática de Castilla y León; Fernando Suárez, presidente do CCII e +do CPEIG; e Manuel César Vila, concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Santiago.
Na clausura intervirán Juana Perea (videoconferencia), membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e da xunta de goberno do Colegio Oficial de Ingeniería Informática de les Illes Balears (COIIB); Victoria González, membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e colexiada do CPEIG, así como responsable de proxectos de Minsait; e María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia.
Nesta edición porase o foco “no papel estratéxico das infraestruturas dixitais como base do desenvolvemento tecnolóxico e social para garantir unha contorna dixital accesible, segura e sostible”. Este espazo de encontro busca “destacar a participación das mulleres nun ámbito técnico fundamental, así como fomentar unha visión máis diversa e igualitaria na construción das infraestruturas que sosteñen a transformación dixital”, sinalan dende a organización.
No marco do evento entregarase o Premio Ángela Ruiz Robles, “un recoñecemento ao mérito, esforzo sostido e á capacidade de abrir camiños para as xeracións futuras desde a excelencia técnica e humana”.
Na súa segunda edición, a distinción recaeu na enxeñeira informática Catalina Grimalt Falcó, subdirectora xeral de Organización e Recursos Internos do Port de Barcelona.
O recoñecemento será entregado por familiares de Ruiz Robles, mestra, pedagoga e inventora, recoñecida como a precursora do libro electrónico, que exerceu a súa profesión educativa en Ferrol; e pola catedrática de IA da Universidade Politécnica de Cataluña Karina Gibert, membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII, vicepresidenta 2ª do CCII e decana do Col·legi Oficial d’Enginyeria en Informática de Catalunya (COEINF).
O Premio Ángela Ruiz Robles rende homenaxe a unha figura pioneira da innovación tecnolóxica e educativa en España. Nacida en 1895 en Villamanín (León) aínda que fortemente vencellada a Galicia e especialmente a Ferrol, Ángela Ruiz Robles foi mestra, escritora e inventora. O seu incansable labor por modernizar a ensinanza e o seu espírito visionario levárona a desenvolver na década de 1940 a coñecida como "enciclopedia mecánica", precursora do que hoxe se coñece como o libro electrónico. O seu traballo, adiantado ao seu tempo, é símbolo do enxeño, a creatividade e a determinación feminina nun ámbito historicamente masculinizado.
Inspirado no seu legado, este galardón ten como finalidade recoñecer a excelencia profesional dunha muller enxeñeira informática cuxa traxectoria destaque polo seu impacto, liderado e compromiso co desenvolvemento tecnolóxico e a transformación dixital. O premio pon en valor a contribución fundamental das mulleres no ámbito da enxeñería informática, visibilizando referentes que impulsan a igualdade de oportunidades e fomentan vocacións femininas no sector.
Tamén Catalina Grimalt ofrecerá unha conferencia titulada Smart ports, despregue do 5G e a remodelación da infraestrutura TIC do Porto de Barcelona para la Copa América.
Catalina Grimalt, ademais de subdirectora xeral de Organización e Recursos Internos do Port de Barcelona, é directora xeral de Barcelona Port Innovation. Enxeñeira informática de formación, conta cunha rica experiencia profesional que inclúe firmas de consultoría como KPMG e EY. Está profesionalmente vinculada ao Porto de Barcelona durante máis de 20 anos, ocupando diversas responsabilidades en áreas tecnolóxicas, desde o desenvolvemento de aplicacións ata o seu actual rol de lideradoble. Ademais, participa activamente en varios consellos de administración, por exemplo, no de World Trade Center Barcelona ou o de Portic Barcelona. Desde a súa fundación ata o 2024 participou como xurado nos Premis DonaTIC organizados pola Generalitat de Catalunya e en diversas iniciativas de apoio ao rol da muller na enxeñaría. En 2014 recibiu o premio CIO do ano na Nit de les Telecomunicacions.
Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre Datos e Intelixencia Artificial como infraestruturas básicas das novas organizacións, moderada por Patrícia Yábar la Roca, membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e colexiada polo Col·legi Oficial d’Enginyeria en Informàtica de Catalunya (COEINF). Participarán diversas expertas: a catedrática de LSI e adxunta de Transferencia na Universidade da Coruña, Susana Ladra, tamén membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e vicepresidenta do CPEIG; a consultora sénior de datos, intelixencia e robots en Minsait, Tatiana Suárez; a científica de datos de INECO, consultora da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial (SEDIA) do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, Núria Albó; por videoconferencia Luisa Sanz, voceira de Intelixencia Artificial no Congreso dos Deputados; e Catalina Grimalt.
