Todo listo para a celebración no Gaiás do 8º Scratch Day do CPETIG e AMTEGA
venres, 6 de outubro do 2023
Finalmente
este sábado 7 de outubro celébrase en Santiago a
oitava edición do #ScratchDay do Colexio Profesional de Enxeñaría
Técnica en Informática de Galicia – CPETIG. Desenvolverase en
horario de 9 a 14 horas, no Edificio CINC da Cidade da Cultura de
Santiago de Compostela (monte Gaiás). Haberá 2 grupos: o conformado
por rapaces e rapazas de 6 a 16 anos, traballando conxuntamente cos
seus pais/nais e o de profesores que queiran incorporar esta linguaxe
de programación aos seus centros educativos.
O
Scratch Day é unha das actividades máis destacadas da colaboración
que o ente colexial mantén coa Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). A xornada está deseñada para
achegar á rapazada, pero tamén ás nais, aos pais e ao profesorado,
ás novas tecnoloxías, á linguaxe de programación e á
informática.
O
Scratch Day 2023 estará centrado na temática da gamificación
e do entorno dos videoxogos. Os tres públicos obxectivos aos que se
dirixe esta actividade lúdico-formativa son: nenos e nenas de idades
comprendidas entre os 6 e os 16 anos; os seus pais, nais ou titores,
e a comunidade de profesores, formadores e directores de centros de
ensino interesados en aplicar a tecnoloxía e a linguaxe Scratch nas
súas aulas. Esta formación teórico-práctica desenvolverase o
vindeiro sábado 7 de outubro en formato intensivo de 9:00 a 14:00
horas no salón de convencións do edificio CINC da Cidade da Cultura
de Santiago de Compostela.
O
programa da actividade para as familias inclúe unha primeira
aproximación ao entorno Scratch, cunha parte didáctica de como
mover, lanzar e interactuar con obxectos para programar un videoxogo
básico. Ademais, traballaranse as interaccións a través da cámara
e do son e a linguaxe de programación con Microbit permitirá
empregar a radio e o control remoto entre dispositivos.
As
nenas e nenos participantes crearán o xogo do número segredo, xogos
de scroll, un dado dixital, unha busca do tesouro e un
videoxogo con LEDs.
No
módulo específico para profesores e formadores, traballaranse
obxectos, escenarios e bloques de programación, así como o
movemento, a animación e a interacción entre eses obxectos. Por
último, haberá tempo para o desenvolvemento dun videoxogo básico.
A maiores, segundo informou o CPETIG, habilitarase a creación de
unidades didácticas para contido curricular e abordarase un traballo
transversal con Scratch e Microbit.
“Unha
das grandes novidades desta edición será a presentación dun caso
de éxito no uso de tarxetas Microbit nun colexio, que aplicou esta
tecnoloxía a un proxecto para implantar un sistema de rego no
centro”, explica o CPETIG, engadindo que o programa está enmarcado
dentro das áreas STEM (polas súas siglas en inglés de Ciencia,
Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) e conta cunha importante
experiencia entre a comunidade escolar galega nas edicións
preferentes, collendo o relevo dentro do calendario de actividades do
CPETIG do programa #GirlSteam, que percorreu 15 concellos de Galicia
para amosar o uso das novas tecnoloxías do stop motion e dos tecidos
intelixentes entre a mocidade.