Todo listo para a entrega dos oitavos Premios Youtubeiras, este sábado en Narón

venres, 31 de xaneiro do 2025 S. P.

O Pazo da Cultura de Narón acolle este sábado 1 de febreiro, a partir das 19.00 horas, a gala de entrega dos Premios Youtubeiras+, certame que neste 2025 acada a súa oitava edición. Un total de vinte finalistas aspiran a gañar nalgunha das sete categorías nas que se dividen os galardóns que se enmarcan dentro do proxecto Youtubeiras.
Esta iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística de dez concellos (Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo), das tres universidades e da Deputación da Coruña ten o obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.
A gala presentaraa Javi Sánchez e contará coa actuación musical do grupo De Ninghures. A entrada é gratuíta e poderase conseguir até o inicio mesmo no despacho de billetes do propio Pazo da Cultura. O lema desta oitava edición, Fachenda ao cadrado, será un dos grandes leitmotivs da velada.
Finalistas
Vinte canles e persoas en conxunto son finalistas nas sete categorías nas que se dividen os Premios Youtubeiras+. As finalistas á mellor canle de YouTube son Exército Mekemeke, IagoRAW e O Faiado Podcast, mentres que na categoría de mellor canle de TikTok o son Sara Seco Rial, Pradorua e Konachadas. O Premio á Creación de Contidos decidirase entre Rodri Míguez; Anxo Sánchez e María Prado, de Pradorua, a única finalista en dúas categorías. O Premio Revelación disputarase entre Arquivo Anab, Carlota Casal Ramos e Galiactiva.
O Premio á Calidade Lingüística decidirase entre A Debate no Eirado, Galego para Peques e Luís do Río, mentres que optarán como finalistas ao Premio Rede OU ké!, Pablo Rodríguez Vila e Rebelico. Por último, tres son os vídeos finalistas ao Premio do Público: A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego; Non máis bágoas, de Xurxo Varela; e Queimas controladas, de Savia Nova.
O xurado desta oitava edición está conformado por Andrea Villa, xornalista; Carlos Callón, profesor e escritor; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Sara Varela, guionista, e Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023.
A seguir, relación de finalistas e concellos de procedencia:
FINALISTAS: CANLE DE YOUTUBE
Exécito Mekemeke (Ames)
IagoRAW (Lugo)
O Faiado Podcast (Santiago de Compostela)
FINALISTAS: CANLE DE TIKTOK
Sara Seco Rial (Santiago de Compostela)
pradorua (Ourense)
Konachadas (Ames)
FINALISTAS: CREACIÓN DE CONTIDOS
Rodri Míguez (Bueu)
Prado Rua (Ourense)
Anxo Sánchez (Lugo)
FINALISTAS: REVELACIÓN
Arquivo Anab (Xinzo de Limia)
Carlota Casal Ramos (Melide)
Galiactiva (Ourense)
FINALISTAS: CALIDADE LINGÜÍSTICA
A Debate no Eirado (Santiago de Compostela)
Galego para Peques (Monterroso)
Luís do Río (Santiago de Compostela)
FINALISTAS: REDE
OU ké! (Ourense)
Pablo Rodríguez Vila (Lugo)
Rebelico (Vigo)
FINALISTAS: PREMIO DO PÚBLICO
A revolución galega de 1846, de Orgullo Galego (Vigo)
Non máis bágoas, de Xurxo Varela (Chantada)
Queimas controladas, de Savia Nova (Pontevedra).
Youtubeiras+ é como dixemos unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística da Deputación da Coruña, dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.