Todo listo para o comezo da gran feira galega do talento e a innovación: Talentia Summit

luns, 21 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Hoxe comeza o encontro Talentia Summit 19, impulsado polo Concello de Santiago, sen dúbida un dos grandes eventos tecnolóxico-empresariais da tempada, co engadido extra de que boa parte do seu programa (unha máis que completa axenda de obradoiros, cursos e relatorios) poñen o foco nas persoas e nos seus diversos talentos e capacidades para innovar. O encontro dá comezo esta tarde a partir das 18.00 horas (co foro de relatorios estratéxicos e a xornada de apertura institucional no Auditorio de Galicia) e proseguirá mañá e pasadomañá coa Feira do Talento (xuntanza aberta con todo de actividades para mostrar e impulsar as capacidades de cada quen: un espazo de encontro entre empresas e posíbeis traballadores e entre empresas e provedores de servizos) no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago.
Por certo que a Feira do Talento vén este ano con intención de bater récords: incrementáronse, con respecto do ano pasado, os postos de traballo ofertados (preto de 850), de empresas presentes (sobre 100) e de certificados (máis de 25).
A previsión desta convocatoria de Talentia Summit (en palabras do Concello “a edición definitivamente internacionalizadora do evento”) é a de acoller preto dun centenar de empresas punteiras e personalidades de relevancia, como a ministra de Economía e Empresa en funcións, Nadia Calviño.
Amais, a entrega 2019 do Talentia porá o foco en como afecta a transformación dixital ás persoas e tamén no compromiso social empresarial cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) acordados pola ONU no marco da Axenda 2030. Sobre este horizonte estará presente, como conferenciante no Foro Talentia, Federico Buyolo, director xeral da Oficina do Alto Comisionado para a Axenda 2030.
Durante tres xornadas (do 21 ao 23 de outubro), a clave do encontro será a potenciación das nosas capacidades, dando visibilidade ás organizacións e empresas máis comprometidas co desenvolvemento, a promoción e a retención do talento. Doutra banda, os/as participantes poderán presentarse as empresas, acreditarse mediante certificacións de competencias dixitais ou idiomas, e asistir a conferencias, obradoiros ou exposicións sobre a transformación dixital e outras moitas actividades para mellorar a súa capacidade de acadar un emprego.
A listaxe de conferenciantes da edición 2019 do Talentia salienta polo importante número de profesionais referentes e persoeiros institucionais que acubilla: Nadia Calviño, ministra de Economía e Empresa en funcións, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta, Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, Paul Tran, director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera (Estrella Galicia), Sonia Mulero, directora da Fundación Banc Sabadell, Federico Buyolo, director xeral da Oficina da Alta Comisionada para a Axenda 2030, José Luis Pérez-Pla, consultor director en Cegos e responsábel da Escola de Excelencia Comercial de Telefónica, Jaime de Nardiz Pérez, director diagnóstico cultural de de Great Place to Work e Jaiver Sirvent, evanxelista tecnólogo.

PUBLICIDADE