Todo listo para o inicio da conferencia AtlánticaConf 2023 na FIC da UDC

xoves, 21 de setembro do 2023 S. P.

AtlánticaConf 2023, referencial cita centrada nas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) en Galicia, volve esta semana á Facultade de Informática da Coruña, concretamente a partir deste venres 22 e até o sábado 23. Será a segunda edición da conferencia, tras o éxito da primeira en 2019 na que máis de 300 asistentes e 56 relatores encheron as aulas da Facultade de Informática.
Organizada pola asociación GPUL, centrada no impulso do software e cultura libres, o evento brindará durante dúas xornadas “unha programación diversa, poñendo en valor a profesionalidade, a variedade e a riqueza da industria tecnolóxica de Galicia”, explican dende a organización.
A axenda contará cunha vintena de charlas de 30 minutos, charlas rápidas de 7 minutos e obradoiros organizados por comunidades tecnolóxicas. Nestas intervencións, seleccionadas entre máis dun cento de propostas que destacaron pola súa calidade e contido, representantes do ámbito tecnolóxico (na súa maioría da nosa terra) compartirán as súas experiencias e coñecementos en eidos como a Intelixencia Artificial, os sistemas distribuídos, o deseño e as aplicacións especializadas, como a xestión de residuos, a cardioloxía e o seguimento de hábitats.
“A AtlánticaConf é ou sitio no que podes ver a profesionais galegos falando de tecnoloxía e que nos demostran que non fai falta irse fóra de Galicia para traballar e para facer grandes proxectos con impacto global”, destaca Pablo Castro, membro da organización e emprendedor galego. “Temos a sorte de contar cunhas charlas dun grande nivel que representan a potencia tecnolóxica do sector en Galicia. E por riba contamos con relatores de startups galegas referencia a nivel internacional e profesionais que traballan para empresas tan potentes como Spotify ou Warner Bros, un auténtico orgullo”.
A AtlánticaConf 2023, engade, “proporcionará un espazo para a aprendizaxe, a colaboración e oportunidades de networking”. Os asistentes terán a oportunidade de interactuar con expertos, compartir experiencias e ampliar os seus coñecementos nunha contorna estimulante e acolledora.
Por certo que o venres 22 de setembro, antes do inicio oficial da conferencia, celebrarase a Pre-Atlántica, unha actividade gratuíta e enfocada en orientar aos estudantes sobre o seu futuro profesional en tecnoloxía. Contarase coa presenza dalgúns dos mellores profesionais do sector en Galicia, así como emprendedores e fundadores de startups referentes, quen compartirán as súas experiencias e orientarán aos asistentes sobre como preparar entrevistas de traballo, currículos ou como emprender en tecnoloxía.