A factura electrónica explicada nunha xornada presencial na Cámara de Santiago

mércores, 29 de outubro do 2025 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza o vindeiro 5 de novembro unha actividade formativa sobre a factura electrónica e as obrigas que esta implica para o vindeiro ano. O seminario Evita sancións: Verifactu versus factura electrónica – despexando todas as dúbidas normativas e tecnoloxías levarase a cabo a partir das 10.00 en formato presencial, na sede da Cámara de Santiago.
O obxectivo é “explicar en detalle as dúas lexislacións que veñen transformar a forma en que as empresas facturan e reportan á Axencia Tributaria: o Regulamento Verifactu e a Lei Crea e Crece”. Dirixida a pemes e persoas autónomas.
Sera impartida por Daniel Cerqueiro García, licenciado e doutor en Ciencias Físicas, desde 2004 dedicado ás TIC. Actualmente é CMO de Docuten, ademais de ser un dos promotores de Startup Galicia e formador en temas de Transformación Dixital e Emprendemento. Especialista en dixitalización empresarial, facturación electrónica e normativa vinculada ao proceso de transformación dixital das pemes. Experiencia como relatora en xornadas sobre Lei Crea e Crece, VeriFactu, factura electrónica e procesos de dixitalización, así como en programas de difusión e formación empresarial en colaboración con institucións públicas e privadas.