Lanzan un curso de organización dixital dende A Coruña
venres, 10 de xaneiro do 2020
O
consultor Rafa García, en colaboración con La Escuela del Orden,
veñen de comezar o ano con formación avanzada para axudarnos a ser
mellores profesionais e acadar as máis destacadas cotas de xestión
e organización nas nosas empresas. Estamos a falar da segunda
edición de TUDEO (Tu Universo Digital en Orden), posta en marcha
dende A Coruña co punto de mira posto no futuro que xa está aquí:
un futuro onde non hai dúbida sobre as vantaxes de dixitalizarnos e
transformarnos para ser máis eficientes, eficaces, sustentábeis,
intelixentes e rendíbeis.
Segundo
nos conta Rafa García, experto en eficacia persoal, “a invasión
do mundo dixital xa non é unha opción, está nas nosas mesas”.
Ademais, engade, “é independente da nosa profesión ou das nosas
actividades na vida privada, rodeándonos de milleiros de elementos
que chegan a nós ou que damos creado con diferentes dispositivos
(contornos Windows ou Mac, teléfonos ou tabletas) en volume e
complexidade crecentes”.
Todo
o devandito en que deriva? Pois, de non contar cos coñecementos
actualizados debidos, deriva en cousas como a imposibilidade de
entender como funciona a nube (malia saber como se usan os seus
servizos), ou unha certa incapacidade para poñer en orde documentos,
contactos, notas, citas. “En xeral, hai unha sensación de ir a
remolque, sen control suficiente”, explica o consultor, poñendo o
foco na necesidade de adquirir unha formación específica. Neste
punto entran en xogo actividades como a segunda edición de TUDEO,
que recunca cun formato interactivo de webinar que permita a
participación de asistentes dun amplo abano de recunchos (na
primeira edición xuntáronse participantes de nacionalidades moi
diferentes como o Líbano, a República Dominica ou os Estados
Unidos). Nesta segunda edición, que comeza nuns días, incorpóranse
aspectos da ciberseguridade persoal como a xestión axeitada de
contrasinais e a protección contra ataques informáticos cada vez
máis populares, como o ransomware.
Podemos obter máis
información sobre estas actividades formativas na web de TUDEO.