Todo o que precisamos saber dun plan empresarial de redes sociais, nunha xornada da Cámara de Santiago

luns, 27 de novembro do 2023 S. P.

A Cámara de Santiago vai realizar un obradoiro en liña sobre como planificar un uso axeitado das redes sociais e tirarlles o máximo partido no noso negocio. A xornada Como realizar un social media plan para unha empresa celebrarase online este 1 de decembro en horario de 10.00 a 11.30 horas. Porase o foco no Kit Dixital de Red.es.
Máis concretamente, exporase en que consiste e para que serve un plan de redes sociais, como definir o público obxectivo, como elixir as redes sociais axeitadas, como establecer un plan de accións e que contidos debe ter, como elaborar un calendario de publicacións e como medir o rendemento.
O relator será Fernando Rodríguez de la Torre, director da axencia de publicidade Con C de Comunicación, profesor no Máster de Marketing Digital da USC e director de Briefinggalego.com, portal de referencia do sector do mercadotecnia e a publicidade en Galicia.
Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera PEME para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
O Kit Dixital é un programa do Gobierno de España, xestionado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial. O Programa Kit Dixital está dotado cun orzamento de 3.067 millóns de euros, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos europeos Next Generation EU. O seu obxectivo é dixitalizar a pequenas empresas, microempresas e autónomos de todos os sectores en todo o territorio nacional.