Todo o que quixemos saber da mercadotecnia dixital, nunha xornada de balde da Cámara de Santiago

martes, 24 de outubro do 2017 Redacción

A xornada contará coa presenza das expertas en mercadotecnia en liña, Elena Díaz e Cristina Varela

Meternos de cheo na mercadotecnia en liña e coa máxima eficacia, visualizando de maneira clara as vantaxes da promoción e a comunicación dixital para incrementar vendas, facer clientes e mantelos no tempo, e aumentar a rendibilidade. Este é o gran obxectivo da xornada de balde que organiza o 31 de outubro a Cámara de Comercio Santiago, unha xeira divulgativa titulada Como atraer visitantes ao meu sitio web? e programada coa finalidade de dar a coñecer a PEME e autónomos “distintas posibilidades de desenvolvemento empresarial a través de internet”. A xornada, que forma parte das actividades do programa TICCámaras, está organizada en colaboración co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea baixo o lema Unha maneira de facer Europa. Celebrarase entre as 12:00 e as 13:15 horas no salón de actos da entidade.
A xornada contará cunha introdución do xestor de Innovación da Cámara, Anselmo Díaz, que fará unha presentación de TICCámaras, un programa de axudas para PEME e autónomos que fornece de solucións para mellorar a competitividade das empresas a través da incorporación de novas tecnoloxías.
A conferencia central da xornada estará impartida polas consultoras da empresa Invbit de deseño e desenvolvemento de software, Elena Díaz e Cristina Varela. Na súa exposición, farán unha introdución ao conxunto de accións que as empresas poden facer en internet para darse a coñecer, xerar clientes potenciais e mesmo vendas online. Asemade, debullarán os pasos a dar desde a análise inicial do proxecto á creación dunha web adaptada ás necesidades da marca e as diversas promocións coas que se poden alcanzar aos usuarios.
Elena Díaz define desta maneira algunhas das principais vantaxes de estarmos na Rede: “Vivimos nunha era cada vez máis dixital, e isto nótase no proceso de busca de información previo á compra ou contratación dun produto ou servizo. Se precisamos un fontaneiro ou un carpinteiro buscaremos cales están más preto e as súas tarifas, ou se estamos viaxando e queremos pasar a noite nun hotel seguramente nos declinemos polo que teña mellores fotos subidas e opinións. Toda empresa que o consumidor poida buscar en internet ten posibilidades para desenvolver o seu negocio neste medio”.
Díaz e Varela analizarán tamén a eficacia das campañas publicitarias en Adwords e en redes sociais. As consultoras indican que estas campañas “adoitan dar bos resultados en pouco tempo e ofrecen variedade de posibilidades de formatos de anuncio en función dos obxectivos desexados”.

PUBLICIDADE