Todo o que quixemos saber sobre o deseño 3D e a robótica, no coworking de Barro

mércores, 16 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O coworking do polígono de Barro, impulsado pola Deputación de Pontevedra, vai acoller até o mes de novembro media ducia de actividades formativas ao abeiro da cuarta edición de FabLab, os obradoiros de fabricación dixital que a entidade provincial desenvolve no dito espazo de traballo colaborativo. A inscrición para estes obradoiros está aberta ata o momento do inicio de cada curso. Esta semana desenvólvense os obradoiros Deseño 3D con Ferramentas Libres e Impresión 3D I, que se celebrou onte, e Deseño 3D con Ferramentas Libres e Impresión 3D II, este mércores 16 de outubro. O día 29 de outubro será o curso Deseño 3D con Ferramentas Libres e Impresión 3D III, co mesmo horario e, o día 30 de outubro, desenvolverase Domótica e Robótica I.
No mes de novembro, as accións serán Domótica e Robótica II, o día 12, e Domótica e Robótica III, o día 13. En todos os casos, os cursos estarán impartidos por Fernando Coladas Rodríguez en horario de tarde, de 16.30 a 19.30 horas.
Segundo informa a Deputación, todos os obradoiros teñen capacidade para un máximo de quince persoas, “xa que son os espazos de traballo dispoñíbeis”. O acceso é libre, e requírese inscrición previa a través da páxina web da Deputación, ou nos correos electrónicos cwpontevedra@eoi.es. e cooperación@depo.es.
Traballo colaborativo e maker
O espazo Depo FabLab ten o obxectivo de ser un referente na provincia para as persoas emprendedoras, buscando atraer proxectos de corte innovador e tecnolóxico. “É un espazo no que se favorece a aprendizaxe teórica e práctica sobre as últimas ferramentas tecnolóxicas en canto a dixitalización, impresión ou robótica”, informa a Deputación, engadindo que está dotado con impresoras 3D, escáneres 3D, kits de Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material electrónico diverso, ferramentas e ordenadores de sobremesa con gran capacidade de procesamento e almacenamento. Ademais, para poder levar a cabo labores experimentais no eido da electrónica e programación, dispón tamén dun gran número de circuítos integrados (Shield) que permiten conectividade Wi-Fi, Bluetooth, GPS, 3G, NFIC e de sensores de son, temperatura, cor, distancia, presión e humidade.

PUBLICIDADE