Todo o relativo a Falaredes 2021 e os seus máis de 180 pases, polo miúdo no Portal da Lingua

venres, 30 de xullo do 2021 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este venres 30 unha nova edición do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes 2021, que por décimo ano consecutivo chega aos concellos e entidades adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta con máis de 180 pases e 30 actividades. Haberá música, teatro, monicreques, maxia e humor. Toda a información relativa á iniciativa e ao programa (lugares, datas) está xa dispoñíbel nun apartado específico do Portal da Lingua, impulsado por Política Lingüística.
Valentín García destacou a importancia deste programa de dinamización lingüística para as entidades da Rede de Dinamización Lingüística e para os veciños dos municipios aos que chegará a programación. “Trátase dun amplo abano de actividades que encherá o verán e o outono de programación de lecer en galego e de calidade”, salientou. Nesta liña, engadiu que a iniciativa permite á Xunta de Galicia avanzar no obxectivo de “ampliar a oferta en galego e promover o uso e valorización positiva da lingua ao tempo que apoiamos aos profesionais do sector para superar os efectos da crise sanitaria”, concluíu.
Canda o representante autonómico, participaron na presentación Atenea García, Pepo Suevos, Borxa Ínsua, Emilio Oro, José Expósito, Pepablo Patiño, artistas encargados das actividades do novo FalaRedes; Erica González, representante de Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega; Mariola Cerdeiro, representante de Urdime Socidedade Cooperativa Galega e Elvira Casal, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.
En total, o FalaRedes achegará ata finais de agosto máis de 30 sesións dunha ducia de actividades de diferente índole entre 26 concellos e entidades adscritas á RDL.
Destas actividades, 11 están destinadas a un público infantil e familiar, poñendo o foco nos máis pequerrechos (bebés de 0 a 3 anos), como é o caso do espectáculo-obradoiro Derriba da lúa, da compañía Rilo & Penadique, baixo xestión de Culturactiva, ou tamén nos adolescentes, o público potencial ao que enfoca o seu monólogo humorístico, Falade galego rapazada... é unha pasada!, da man do coñecido actor e cómico Pepo Suevos.
Espectáculos musicais, coma o dos Festiculores Troupe; concursos como o Rilla Rilla, da compañía Xarope Tulú (Urdime); maxia para facer soñar a toda a familia, coma a que ofrece o Mago Teto co seu espectáculo O camiño do afiador (Culturactiva) e moito teatro e monicreques da man de Inventi Teatro, Fantoches Baj, Teatro Ghazafelhos e Títeres Alakrán, tamén baixo xestión de Urdime, entre outros, completan a programación do FalaRedes para este verán 2021.
Ademais, e por segundo ano consecutivo, este programa recolle as súas actividades de entre os proxectos seleccionados do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, a iniciativa posta en marcha ao comezo da pandemia a través do Plan de Reactivación Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para inxectar liquidez entre as empresas e autónomos do sector.
Atención especial ao teatro para público adulto na recta final de ano
A partir do 15 de setembro, o teatro para público máis adulto liderará a programación do derradeiro trimestre do FalaRedes 2021 con case 50 funcións de obras de sona como Bernarda, de teatro Malasombra, gañadora de catro premios María Casares o pasado ano ou Gloria Nacional e Romeo e Xulieta: o soño do amor, das galardoadas compañías Teatro do Noroeste e Elefante Elegante, respectivamente, entre moitas outras. A perspectiva de xénero tamén será protagonista do FalaRedes 2021 en obras como A compañeira de piso, de Contraproducións, premio do Certame dos Teatros Luchana de Madrid; Elisa e Marcela, da compañía A Panadaría ou Invisibles, de Redrum Teatro.
A cativada e o público infantil e familiar tamén seguirá desfrutando dos espectáculos feitos á súa medida unha vez pasado o verán coa maxia de Micromaxias en Mil maxias máis, o circo de PistaCatro en O camiño con Mezzo, o teatro con O ogrocho, de Ningures Produción ou a música, co Consertasso nas hortas de Brais das Hortas ou Rockciclando con Ramona Órbita, de Pakolas e Laura Romero.

PUBLICIDADE