Todo o relativo ás empresas do Cluster Audiovisual Galego, no noso móbil

venres, 2 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

O Cluster Audiovisual Galego quere tirar o máximo partido das novas canles e tecnoloxías sociais como vehículo para a promoción das obras dos nosos creadores. Nesta liña deuse a coñecer os días pasados unha nova estratexia de comunicación dixital integrada, cinguindo as posibilidades dos servizos 2.0 e dos móbiles de última xeración, que foi desenvolvida pola empresa galega Loroestudio, centrada na promoción dixital. A idea básica é ofrecer cumprida información da actividade dos socios do Cluster. Con este fin, inclúese unha aplicación, descargábel no móbil de diferentes maneiras, que abrangue tódolos datos dos 49 integrantes da plataforma galega que figuran no catálogo en papel que se publicará proximamente.
Con todo, a aplicación inclúe extras engadidos con respecto ao formato tradicional que aparecerá en breve, como un servizo Click to call que achega acceso directo para efectuar chamadas ás oficinas de cada empresa, función de localización por Google Maps con posibilidade de crear rutas cara ao destino en terminais avanzados, e conexión directa dende a aplicación aos perfiles das redes sociais (Facebook e Twitter) de cada un dos integrantes do Cluster.
A ferramenta, informa Loroestudio, poderase descargar de tres xeitos:
· A través do catálogo en papel, que se levará a feiras e acontecementos diversos e que leva inserido un código QR que, ao escanealo co móbil, permite o acceso inmediato e directo á descarga. No mesmo catálogo tamén aparece outro vieiro: o envío dun SMS a un número longo. “Isto”, informa a empresa, “posibilitará que cando se teña presenza en eventos nacionais e internacionais, a xente vexa no catálogo en papel que se pode enviar unha mensaxe de texto ao número 0034981090603 coa palabra clave “CLAG”, co que se recibe logo un SMS de resposta en inglés coa ligazón de descarga do dito dossier e unha ligazón para habilitar no noso aparello un lector de códigos QR”.
· A través de Facebook. O perfil do Cluster na rede social achega unha aplicación integrada para acceder á descarga do catálogo no móbil. Esta ferramenta tamén vai posibilitar compartir a devandita función coas amizades que teñamos nos nosos perfís, xa sexan Facebook ou Twitter.
· Mediante a web. Haberá dúas canles, unha para habilitar os contidos directamente no móbil e outra para acceder á versión de iPad se estamos a navegar pola web dende ese dispositivo.

PUBLICIDADE