Tony Hawk’s Pro Skater 5 déixase ver en vídeo

luns, 13 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Os xogos de skate profesional levan dende 2007 sen levantar cabeza, con distintas entregas que influenciadas polas modas dos sistemas de control de movemento levaron á irrelevancia á célebre franquía de Tony Hawk, que o vindeiro 2 de outubro vai volver a dar guerra cun retorno ás orixes, continuando a saga Pro Skater abandonada hai preto de 13 anos. Deste xeito Activision achegará Tony Hawk’s Pro Skater 5 a PS4 e Xbox One en outubro, para contar antes do remate do ano con versións para PS3 e Xbox 360, que non só funcionarán en máquinas menos potentes, senón que tamén carecerán de modo de xogo en liña.
O novo xogo retoma o estilo clásico da saga Pro Skater, con novos niveis, controis afinados e un grande modo multi-xogador nas consolas de nova xeración que permitirá xuntar até 20 amigos e rivais para xogar simultaneamente en liña. Precisamente a grande promesa de Tony Hawk’s Pro Skater 5 é que permitirá facer practicamente todo o das súas versións anteriores, só que agora tamén en liña, incluíndo misións, desbloqueo de novo contido e subida de nivel. Os xogadores tamén poderán crear os seus propios parques e compartilos coa comunidade.
Para ir abrindo boca, o xogo estreou o seu primeiro trailer no que se ve o título en acción:

PUBLICIDADE