Toponimízate chega este luns 18 a Ribeira da man da RAG e Política Lingüística

xoves, 14 de outubro do 2021 S. P.

A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, ao abeiro do proxecto Toponimízate destinado a divulgar e reivindicar o tesouro dos nosos nomes de lugar, van ofrecer este luns 18 unha charla en Ribeira.
Será, en concreto, unha sesión de carácter telemático dedicada á difundir as vantaxes que para a preservación do noso patrimonio inmaterial posúe a aplicación informática colaborativa e participativa Toponimízate, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, centrándose para esta explicación en exemplos e casos do municipio de Ribeira.
A conferencia será impartida por Vicente Feijoo Ares, coordinador da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia. Terá lugar a partir das 16.30 horas en streaming vía páxina de YouTube da RAG.
No Centro Cultural Lustres Rivas
A tal efecto confeccionouse un cartel que incorpora un código QR que se pode escanear para establecer a conexión. Porén, tamén se poderá seguir a charla dende o salón de actos do Centro Cultural Lustres Rivas, que estará aberta para toda a xente que desexe asistir.
Ademais, a charla emitirase en directo nos institutos Leliadoura e Número Un para o alumnado destes centros.

PUBLICIDADE