Toponimízate chega este xoves á Estrada para impulsar a recolla en liña de microtoponimia

mércores, 1 de outubro do 2025 S. P.

A primeira visita a terras pontevedresas da edición 2025 da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra celebrarse este xoves, ás 19:00 horas, na Estrada. A Casa das Letras (avenida Benito Vigo, 58) acollerá unha nova charla da campaña da Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua na que o público aprenderá como recoller e xeorreferencias nomes de montes, soutos, fontes, leiras e outros microtopónimos empregando a aplicación do proxecto colaborativo Galicia Nomeada.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, e a subdirectora xeral de Planificación Lingüística da Secretaría Xeral da Lingua, María Coutinho Villanueva, presentarán a sesión que impartirá o coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo Ares, no que é un dos dez concellos galegos con maior superficie territorial e o terceiro en número de entidades de poboación.
Dende a RAG sinala que “malia o inmenso patrimonio toponímico que atesoura o municipio estradense non se reflicte en Galicia Nomeada: desde o seu lanzamento, só se recibiron 287 achegas públicas de microtopónimos, que se sumaron aos 515 nomes de entidades de poboación rexistrados no Nomenclátor de Galicia”. De feito, a cifra é moi inferior a doutros concellos de superficie similar como Guitiriz (Lugo) ou A Veiga (Ourense), que contan con 4.904 e 5.290 topónimos anotados en Galicia Nomeada, respectivamente.