Toponimízate convida á veciñanza a rexistrar e xeorreferenciar os máis miúdos nomes de lugar
xoves, 30 de novembro do 2017
Esta semana a
Secretaría
Xeral de Política Lingüística e os concellos da Rede de
Dinamización (RDL) presentaron o programa Toponimízate.
Falámosche dos nomes da túa terra,
que comeza a súa andaina en 14 municipios da dita Rede con outras
tantas xuntanzas en aberto para pór en valor os nomes de lugar
locais e de máis alá do ámbito de cada concello. Nas xeiras, nas
que participarán técnicos especialistas en toponimia compartindo
impresións coa cidadanía, farase fincapé na importancia da
microtoponimia, ou sexa, naqueles nomes referentes a elementos e
espazos miúdos que non adoitan aparecer nos mapas e que, por estas e
outras razóns (por exemplo a perda da poboación no rural), están
en claro risco de desaparecer. Cada concello dos ditos 14 acollerá
unha xuntanza. A previsión é dar continuidade á xira. Nela tamén
se porá o foco na relevancia de xeorreferenciar e xeolocalizar este
patrimonio inmaterial coa axuda das novas tecnoloxías (Rede,
móbiles, GPS, aplicacións).
Segundo explicou o
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, “a
toponimia e a microtoponimia son unha grande riqueza e obra colectiva
que cómpre salvagardar para evitar a súa perda”. Tamén recordou
que a súa recuperación e fixación é un compromiso do Goberno
galego en estreita colaboración coa Real Academia Galega (RAG).
Acompañárono na presentación o académico da lingua galega Xesús
Ferro Ruibal; Vicente Feijoo, encargado das charlas; e Antonio F.
Guiadanes, responsábel da etimoloxía e a motivación deste
proxecto. Os dous últimos son, canda o xeógrafo Antonio Fraga, os
responsábeis técnicos da implementación do programa.
Esta acción enmárcase
nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, coordinados ambos os
dous desde a Consellería de Vicepresidencia, Administracións
Públicas e Xustiza, coa colaboración da AMTEGA e da Consellería de
Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Ao longo do mes de
decembro, A Coruña, Arteixo, Boqueixón, Lousame, Melide, Miño,
Vedra, Palas de Rei, Sober, O Carballiño, Ourense, Cangas, O Grove e
Silleda acollerán conferencias do filólogo Vicente Feijoo,
especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da
Real Academia Galega. Nelas falarase de toponimia galega (os motivos
da abundancia de nomes de lugar no país, a toponimia galega como
patrimonio inmaterial...) e tamén da propia de cada concello
(significado dos nomes das parroquias e das aldeas; como consultar a
toponimia xeorreferenciada de cada municipio no Buscador de
topónimos; utilidades desta ferramenta...).
Amais, nos concellos
que teñan pendente recoller a súa microtoponimia (nomes de leiras,
camiños, fontes, penedos) mostrarase unha aplicación móbil que
lles permitirá aos veciños e veciñas colaborar para rexistrar e
pendurar na Rede todo o colleitado, tanto os microtopónimos como as
lendas a eles asociadas, “de xeito que todos poidan colaborar na
salvagarda deste patrimonio inmaterial que é o noso orgullo”,
sinalou Política Lingüística.
Toda a información e
calendario de sesións está no Portal
da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.