Toponimízate convida a xeorreferenciar a microtoponimia de Coruña, Palas de Rei e O Grove
mércores, 27 de decembro do 2017
O programa
itinerante Toponimízate
da Secretaría Xeral de Política Lingüística e os concellos da
Rede de Dinamización (RDL), dirixido a facer fincapé na importancia
da microtoponimia (convidándonos a rexistrar e xeorreferenciar os
máis miúdos nomes de lugar, nomes que non adoitan aparecer nos
mapas e que corren risco de desaparecer co despoboamento), chega
esta semana á Coruña (este 27 de decembro), a Palas de Rei e máis
ao Grove (este xoves 28). Con estas tres charlas, ás que cómpre
engadir outra xeira en Viveiro, completarase a xira de Toponimízate
por 15 concellos da nosa xeografía, buscando mobilizar á veciñanza
para salvar a microtoponimia botando man das novas tecnoloxías da
información (xeorreferenciando e xeolocalizando cada nome de lugar).
O programa
Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra estase a
materializar con 15 xuntanzas en aberto nas que participan técnicos
especialistas en toponimia compartindo impresións coa cidadanía,
facendo fincapé na importancia da microtoponimia. A previsión é
darlle continuidade á xira en datas vindeiras. Segundo explicou
recentemente o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín
García, “a toponimia e a microtoponimia son unha grande riqueza e
obra colectiva que cómpre salvagardar para evitar a súa perda”.
Tamén recordou que a súa recuperación e fixación é un compromiso
do Goberno galego en estreita colaboración coa Real Academia Galega
(RAG).
Esta acción
enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, coordinados
ambos os dous desde a Consellería de Vicepresidencia,
Administracións Públicas e Xustiza, coa colaboración da AMTEGA e
da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Desde
o pasado 30 de novembro Toponimízate
chegou a Ourense, Lousame, Arteixo, Boqueixón, O Carballiño,
Melide, Cangas, Sober, Vedra, Outes e Silleda por medio de
conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e
membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, centradas
na toponimia galega (motivos da abundancia de nomes de lugar no país,
toponimia galega como patrimonio inmaterial etc.) e tamén da propia
de cada concello (significado dos nomes das parroquias e das aldeas,
como consultar a toponimia xeorreferenciada de cada municipio no
Buscador
de topónimos, utilidades
desta ferramenta etc.).
Nelas presentouse
ademais, no caso daqueles concellos que teñen aínda sen recoller a
súa microtoponimia (nomes de leiras, camiños, fontes, penedos etc.)
a nova aplicación tecnolóxica que lle permitirá á veciñanza
colaborar para rexistrar e subir á rede tanto os microtopónimos
como as lendas asociadas a eles, de xeito que tamén poida colaborar
na salvagarda deste importante patrimonio inmaterial.