Toqio e Gradiant fan máis eficiente a xestión de datos dentro do sector financeiro

venres, 15 de novembro do 2024 S. P.

O Centro Tecnolóxico Gradiant compartiu detalles do seu proxecto tecnolóxico compartido coa empresa española do ámbito fintech Toqio, dirixido a transformar e facer máis eficiente a xestión de datos dentro do sector financeiro, modernizando todos os procesos. En concreto, o seu obxectivo principal é aplicar e estender unha arquitectura de datos avanzada para transformar as operativas da compañía cunha orientación data-driven.
Así, a entidade fintech poderá optimizar a calidade e o goberno dos seus datos, e como resultado dispoñerá de mecanismos que facilitarán a toma de decisións informadas, abordando problemáticas clave de negocio e mellorando a competitividade no sector.
Este programa utiliza innovacións en calidade de datos, rastrexabilidade (data lineage), datalakes e IA (Intelixencia Artificial) aplicada á detección de fraude, credit scoring ou redución da perda de clientes.
A través deste proxecto, Toqio busca dotarse dunha plataforma sólida e moderna para xestionar e aproveitar os datos de maneira máis eficiente.
Segundo informa o centro tecnolóxico vigués, a investigación está apoiada pola Axencia Estatal de Investigación (AEI), baixo a convocatoria de Proxectos en Colaboración Público-Privada (CPP) de 2021.
Tal e como explica Rafael Martínez, responsable técnico de Big Data Analytics en Gradiant, “esta colaboración está a permitirnos entender e poñer solución ás problemáticas máis perentorias que persisten hoxe en día a nivel de datos no sector fintech”.
Actualmente, o proxecto atópase na fase de integración de tecnoloxías do dato. Neste tramo, Gradiant e Toqio están a integrar diversas tecnoloxías clave na contorna operativa da fintech, poñendo especial énfase na supervisión da calidade e rastrexabilidade dos datos nos seus procesos diarios. “Ata a data, logramos unha comprensión profunda dos sistemas e necesidades específicas de Toqio, definindo casos de uso adaptados á súa operativa real”, explican dende Gradiant, engadindo que “esta etapa permitiu implementar solucións innovadoras que reforzan a calidade, o seguimento e a gobernanza do dato, un paso fundamental en aras de adoptar unha cultura empresarial impulsada por datos”.
A fase final do proxecto estará centrada en maximizar o potencial da nova arquitectura de datalake, infraestrutura de almacenamento que permite xestionar e analizar grandes volumes de datos en formatos variados. Este sistema facilita a creación de modelos de aprendizaxe máquina (Machine Learning, ML) en contextos críticos como a análise de fraude ou o credit scoring. Este enfoque permitirá a Toqio mellorar a súa toma de decisións estratéxicas, soportadas en datos de alta calidade e análises avanzadas.