Toshiba presenta unhas lentes de realidade asistida

luns, 12 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Aínda que a tecnoloxía de Google Glass non se convertese no éxito que algúns auguraban, Toshiba anunciou un novo produto que vai na mesma liña, un dispositivo que definen como lentes AR, aínda que neste casos non se refiren a realidade aumentada, senón a realidade asistida, xa que realmente non presentan información en función do que temos diante, senón que sería basicamente unha pequena pantalla (0,25 polgadas) montada nunha patilla, que tería unha resolución de 640 x 360 píxeles, incluiría botóns físicos, compás, xiroscopio, altofalante, micrófono, sensor de proximidade, sensor de luz ambiental e luz LED, e que funcionará basicamente conectada por USB-C a un mini ordenador Toshiba dynaEdge.
Estes pequenos ordenadores, que poden levarse nun peto amplo, están equipados con procesadores Intel de 6ª xeración e batería recargable, de xeito que poderían empregarse en mobilidade para numerosas aplicacións que irían dende impartir conferencias até para dispositivos de navegación, funcionando con Windows 10, de xeito que teríamos unha solución compatible con software co que os usuarios xa están familiarizados. Ao conectarlle unha das nosa pantallas que poden engancharse a unhas lentes ou incluso a un casco de traballo, permítese que o usuario vexa unha pantalla semellante á dun móbil a unha distancia de pouco máis de 40 centímetros, mantendo as súas mans libres, o que podería ser práctico para consultar documentación, realizar videoconferencias e outros usos semellantes.
Aínda que estamos ante unha solución bastante rudimentaria inicialmente, e cun prezo bastante elevado (o dispositivo parte dun prezo de 1.899 dólares), parece indicar que existe un interese no desenvolvemento de ordenadores para a cara, polo que só falta agardar se realmente existe unha demanda comercial para este tipo de produtos (o que faría que evolucionasen rapidamente ou caesen no esquecemento).

Dende The Verge puideron probar as novas lentes de Toshiba

PUBLICIDADE