Toshiba presenta varios equipos económicos con Windows 8.1

xoves, 5 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Toshiba parece querer destacar no mercado por unha completa gama de dispositivos con Windows 8.1 válidos para empregar en mobilidade sen supor un grande desembolso económico, polo que presentou 3 novos equipos que non chegan aos 600 dólares, co que poden captar a atención de moitos consumidores que gusten de poder contar cun ordenador completo cando están fóra da casa ou da oficina.
Un dos equipos máis atractivos dentro desta nova gama sería o Toshiba Encore, un tablet con pantalla IPS de 8 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles que permite empregar Windows 8.1 en vertical e horizontal e que funciona cun procesador Intel Bay Trail Atom, 32 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb), cámara de 8 Mpíxeles, dobre micrófono e saída micro-HDMI, que sairá á venda en novembro a un prezo de só 329 dólares (249 euros).
Por outra banda, o Satellite Click si conseguiría adaptarse a un público máis amplo, por tratarse dun híbrido entre tablet e portátil, que conta cunha pantalla táctil de 13,3 polgadas e unha base (con teclado e trackpad) da que pode desprenderse. Funciona cun procesador AMD A4, 4 Gb de RAM, disco duro de 500 Gb e acabado metálico. Chegará ao mercado este mesmo mes a un prezo de 599 dólares (454 euros).
E para os que precisen dun portátil con Windows 8.1, e busquen un prezo axustado, o Toshiba Satellite NB15t chegará en novembro por 379 dólares (287 euros). Consiste nun ultraportátil de baixo custo que destaca pola súa pantalla táctil de 11 polgadas, aínda que en prestacións limítase a un procesador Intel Celeron e un disco duro de 500 Gb. O seu peso será de quilo e medio e o seu grosor estará preto dos 2,5 centímetros, ou sexa, na liña dos netbooks aos que estamos afeitos, pero destacando sobre os mesmos pola súa pantalla táctil.

O Toshiba Satellite NB15t vén a ser un netbook con pantalla táctil

PUBLICIDADE