Towanda Rebels, activistas nas redes, abriron os faladoiros feministas da Deputación de Lugo

luns, 20 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

As activistas Teresa Lozano e Zua Méndez, impulsoras da canle de comunicación Towanda Rebels e as súas moitas e variadas manifestacións nas redes sociais, abriron este venres os Faladoiros Feministas convocados pola Deputación de Lugo. Na cita, as relatoras fixeron un repaso polas súas frontes abertas en Internet (unha guerra a prol dos dereitos das mulleres e contra calquera forma de inxustiza baseada no machismo: prostitución, fendas salariais, culturais e tecnolóxicas, a cultura da violencia e da violación, etc) e mostraron, tamén, a súa particular maneira de entender e sentir o fenómeno actual do feminismo: a voz contra o silencio, a presenza activa nas redes, convocando multitudes, contra a comunicación limitada.
Inauguración
A deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, e Fátima Pérez, do Foro Feminista Maruxa Mallo, inauguraron este venres o novo ciclo de Faladoiros Feministas impulsados pola Deputación de Lugo, que se desenvolverán ata o mes de maio. Teresa Lozano e Zua Méndez, Towanda Rebels, foron as encargadas de establecer un coloquio no Vello Cárcere de Lugo coas persoas que se achegaron ata o encontro.
Obxectivos
Esta iniciativa ten a finalidade concreta de “conectar o feminismo coa cidadanía”, dando alternativas para “situacións derivadas da estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas”. A Deputación colabora cunha achega de máis de 13.000 euros e tamén coa gravación dos faladoiros e a súa difusión en redes sociais a través do departamento de servizos audiovisuais (SdeA)
As conferencias
17 de xaneiro. Faladoiro con Towanda Rebels. É unha canle de comunicación con presenza activa no YouTube, de corte feminista e integrada por Teresa Lozano e Zua Méndez, comunicadoras e amigas, que atopan no feminismo unha forma de ser, de entender e de mirar a vida.
28 de febreiro. Faladoiro con Ana Iglesias. Decana en Ciencias da Educación pola UDC, doutora en Psicopedagoxía e coautora de Educar en la ciudadanía, obra que sinala a necesidade de asumir a desigualdade de xénero como un dos núcleos estruturais que dificultan o pleno desenvolvemento da cidadanía.
13 de marzo. Faladoiro con Marta Busquets, licenciada en Dereito que se especializou en Dereito sanitario centrado nos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, así como no Dereito en relación coa lactancia e a maternidade.
24 de abril. Faladoiro con Carmen Castro, activista e feminista, e autora do libro Políticas para la igualdad.
22 de maio. Faladoiro con Mabel Lozano. Escribiu no 2017 El Proxeneta, unha historia real contada en primeira persoa, sobre un tratante de mulleres. No libro repasa a evolución da prostitución e a trata en España desde a década dos 80.


PUBLICIDADE