Toxo Telecom impulsa en Ribeira unha campaña de bonos para gastar no comercio local

martes, 4 de novembro do 2025 S. P.

A operadora local de telecomunicacións Toxo Telecom, en colaboración co comercio, a hostalaría e as pequenas empresas de Ribeira, así como co Concello, pon en marcha a campaña Inviste en Ribeira, inviste na túa xente, co obxectivo de impulsar a economía local nun período do ano no que adoita diminuír o consumo nos establecementos de proximidade.
O fundador e xerente da compañía, Javier Fontaíña, explicou que se trata dunha das épocas de “menor gasto nas rúas da localidade”, polo que a proposta pretende concienciar á cidadanía sobre a importancia de mercar nos negocios que teñen ao seu alcance.
A iniciativa, que se desenvolverá ata o 31 de xaneiro de 2026, destina un total de 10.000 euros en bonos para atraer clientela. Así, todas as persoas que contraten os servizos de Toxo Telecom recibirán un ToxoBono de diferente importe segundo o tipo de contrato, ata un máximo de 100 euros por vivenda, que poderán gastar en máis de medio cento de negocios adheridos á campaña.
Fontaíña salientou que se trata de “iniciar unha cadea de consumo e movemento na nosa cidade”, engadindo que tamén é unha forma de agradecer ás empresas e persoas que apostaron por Toxo Telecom e contribuíron ao seu crecemento, devolvendo agora ese apoio á economía local.