Toxo Telecom ofrecerá fibra de alta velocidade

venres, 30 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Toxo Telecom, a empresa de comunicacións móbiles con sede en Ribeira, está a rematar a tempada alta do verán achegándonos detalles importantes sobre os seus vindeiros servizos e promocións: trátase dunha máis que relevante ampliación da súa liña de negocio cara a Internet de alta velocidade, un proceso do que xa advertiran na entrevista publicada este mesmo ano en Código Cero. Segundo sinalan os responsábeis de Toxo no seu Facebook, a operadora está a preparar a distribución do servizo de fibra até o fogar (FTTH polas súas siglas en inglés), ou sexa, rede de alta velocidade para os domicilios dos seus clientes, amais de móbil 4G.
A fibra de Toxo Telecom, que xa ten imaxe propia (a caixa de cereais como alimento completo e máis que nutritivo) comercializarase en converxencia ou individualmente. Haberá paquetes de 100, 300 e 600 Mbps. En datas vindeiras informarase aos clientes presentes e potenciais de máis detalles e características destas ofertas, por exemplo das datas de lanzamento e dos prezos e das posibilidades de acceso que inclúe cada unha.
Toxo Telecom, para que non o saiba, é unha operadora galega posta en marcha en 2018 por tres emprendedores de Ribeira, centrada en ofrecer servizos de telefonía móbil, con tecnoloxía 4G en todo o territorio nacional. Recentemente a empresa avanzou a posibilidade de ofertar aos seus usuarios produtos de telefonía fixa e vender así unha solución converxente con catro servizos principais: TV, móbil, fixo e Internet, como ofrecen os grandes operadores.

PUBLICIDADE