Training Channel, primeiro produto galego que chega á Aplicateca de Movistar

martes, 16 de novembro do 2010 Fernando Sarasketa

A empresa galega Training Channel, especializada na achega de novos recursos en liña para a ensinanza, vén de situar un produto tecnolóxico propio de seu na tenda dixital de aplicacións profesionais de Movistar, Aplicateca. Segundo informa Ineo, asociación da que forma parte a compañía galega, trátase da primeira vez que un recurso da nosa terra acada acubillo na devandita tenda en liña da operadora, ao alcance da man de empresas e de profesionais de todo o panorama español e internacional. Máis polo miúdo, estamos a falar dun servizo de freshlearning para a aprendizaxe electrónica a distancia, especialmente indicado para mellorar as posibilidades de formación dos negocios e sen que sexan precisos, neste proceso de adquisición de habilidades, grandes investimentos.
Segundo conta Ineo e máis a propia Telefónica, propietaria de Movistar e a Aplicateca, Training Channel (así se chama a plataforma) está xa habilitada na tenda liña.
A xuízo da firma galega responsable do produto, o beneficio para a empresa é claro (non tódolos días se atopa o recoñecemento dun operador como Telefónica), pero tamén para os negocios en xeral que fagan uso deste servizo. Así, sinala Marcelo Castelo (produtor executivo de Training Channel), esta nova achega de formación "redundará de forma directa nun incremento da produtividade e indirectamente na mellora das probabilidades de subsistencia para a inmensa maioría do tecido produtivo español".
Training Channel centra unha boa parte da súa actividade na edición canles temáticas de formación a través de Internet a fin de que os alumnos poidan interactuar en tempo real cos profesores, independentemente das distancias que existan entre eles. Desta maneira, todos os usuarios terán acceso á grella de programas de calquera das canles temáticas de formación contratadas: Canle Ofimática, Canle Tecnolóxica ou Canle Inglés.

PUBLICIDADE