Traveler, un equipo portátil para escribir sen distraccións

martes, 2 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Un dos motivos argumentados por moitos á hora de empregar un lector de libros electrónicos en vez dunha tableta para consumir e-books é o evitar as distraccións que facilita un dispositivo con aplicacións conectadas á Rede, e dende Astrohaus consideran que isto mesmo pode aplicarse á escritura, polo que queren facer realidade o Traveler, unha especie de ordenador portátil cunha pantalla de 6 polgadas de tinta electrónica que estaría orientado unicamente a escribir, o que tamén ten como grande vantaxe unha autonomía de até 4 semanas.
Esta solución permitiría concentrarse na escritura, evitando a distracción das aplicacións e, ao ser un trebello portátil, podería levarse de viaxe a calquera recanto para non deixar pasar ningún momento de inspiración. Ao empregarse a tecnoloxía de E Ink na pantalla tamén reduciríase a fatiga ocular e podería empregarse o dispositivo en exteriores sen problemas. Amais, o equipo contaría con conectividade sen fíos (Wi-Fi N) para permitir sincronizar os documentos de traballo con Dropbox, Evernote e Google Drive.
Para poder facer realidade este equipo están a organizar unha campaña de micromecenado en Indiegogo, a través da que ofrecen o Traveler a un prezo de a partires de 309 dólares (uns 268 euros), o que pode parecer bastante caro para o que basicamente sería un Kindle cun teclado físico, pero que podería axustarse a moitos usuarios que entenden que están ante unha boa alternativa ao ordenador portátil, por ter a metade de tamaño e un peso de só 0,8 quilos.
A campaña de micromecenado permanecerá activa un mes, pero os produtos finais non comezarán a remitirse aos mecenas, se todo sae ben, até xuño de 2019.

Vídeo promocional do Traveler

PUBLICIDADE