Trazamar conta xa con máis de 8.000 usuarios rexistrados e máis de 46.000 accesos
martes, 14 de abril do 2026
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, salientou este martes 14 de abril, no Parlamento, “o impacto positivo” da dixitalización no desenvolvemento do sector pesqueiro en termos de eficiencia económica e de sostibilidade ambiental. Como exemplo, citou a Plataforma Tecnolóxica da Pesca (PTP), un proxecto estratéxico que se configura como “núcleo dos sistemas de información do sector en Galicia e que foi desenvolvido conxuntamente pola Consellería do Mar e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)”.
Este sistema, segundo avanzou Rosón, ten como principal obxectivo facilitar ferramentas de xestión e recollida de información, mellorando a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e garantindo o cumprimento das esixencias normativas. Este ecosistema dixital, a través da aplicación Trazamar, pon a disposición do sector produtivo e comercializador información clave, estatísticas e servizos que contribúen a unha xestión máis eficiente e sustentable dos recursos mariños.
Empregada por confrarías, lonxas, centros de primeira venda, asociacións sectoriais e persoal da Administración, Trazamar conta con máis de 8.000 usuarios rexistrados e máis de 46.000 accesos. Só no que vai do 2026, xa foi utilizada por preto de 1.000 perfís distintos. Permite a xestión integral da documentación vinculada á actividade pesqueira e acuícola, incluíndo documentos de transporte, rexistro, orixe ou rastrexabilidade, garantindo o control e seguimento dos produtos desde a súa captura ata a comercialización.
A dixitalización tamén chega ao ámbito móbil coa aplicación Movtic, que permite aos profesionais do sector xestionar documentos telemáticos directamente desde os seus dispositivos. Ademais, ofrece información en tempo real sobre mareas e condicións meteorolóxicas, integrando datos de MeteoGalicia, e facilita o acceso á información relevante segundo o perfil do usuario.
No ámbito da comercialización, o programa Primare Lonxas está a impulsar unha transformación integral das rulas galegas mediante solucións na nube que modernizan os procesos de poxa, xestión e emisión de notas de venda.
Asemade, Rosón valorou que “os sistemas Siscom melloraron a eficiencia na comercialización ao tempo que incrementaron a calidade da información e facilítase a rastrexabilidade dos produtos, abrindo novas canles de comunicación entre compradores e provedores”.
O director xeral explicou tamén que “o impulso á dixitalización complétase cunha aposta pola formación, a través de iniciativas como a plataforma de teleformación da Consellería do Mar ou o portal Xesten que facilita o acceso a cursos e información académica do alumnado do sector; e ademais, a rede de oficinas Es.Mar, posta en marcha no 2025 cun investimento de 1,8 millóns de euros, ofrece asesoramento personalizado para facilitar o acceso a fondos europeos e promover proxectos de innovación, sustentabilidade e economía azul”.
