Tres alumnos do Campus de Ferrol achéganse ás aventuras gráficas cunhas prácticas en Péndulo
mércores, 28 de xuño do 2023
Pedro
Hernández Crespo, Boris Cisneros García e Daniel Cuerva Vidales,
alumnos do Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización
de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de
Ferrol (EPEF), están
a realizar as súas prácticas en Péndulo Studios, unha empresa
desenvolvedora de videoxogos con case 30 anos de experiencia que pon
o foco nas aventuras gráficas.
No
seu haber contan en 1994 coa que foi a primeira aventura gráfica
española: Objetivo Uikokahonia. Logo virían outros xogos
como Hollywood Monsters (1997), a saga Runaway (2001,
2006 e 2009), Yesterday (2016), BlackSad (2019) ou
Alfred Hitchcock Vértigo (2021). En palabras da UDC, o
estudio é a día de hoxe “o máis activo e lonxevo da industria en
España”.
Os
tres estudantes do Campus Industrial de Ferrol mergulláronse na
elaboración do último dos videoxogos que está a preparar o equipo
de Péndulo Studios e que se titula Tintín. Los Cigarros del
Faraón. Será novamente unha aventura gráfica que levará aos
seareiros de viaxe por Exipto até Arabia, na pel de Tintín e na
compaña do cadelo Milú.
Pedro
Hernández Crespo, graduado en Enxeñaría Informática pola
Universidade de Vigo (UVigo), sumouse ao Departamento Técnico
achegándose ás funcións dun programador de gameplay. Boris
Cisneros García, titulado en Comunicación Audiovisual pola
Universidade da Coruña (UDC), integrouse no Departamento de Calidade
onde testa todos os niveis e as mecánicas do xogo para atopar
posibles erros. Por último, Daniel Cuevas Vidales, graduado tamén
en Enxeñaría Informática pola Universidade de Vigo (UVigo), uniuse
ao Departamento de Animación coñecendo de primeira man as funcións
que realiza un animador 3D.