Tres de cada catro domicilios do rural xa teñen acceso a Internet

luns, 2 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Galicia non urbana segue avanzando no mundo dixital, se cadra non tanto como sería desexábel pero cunhas cifras que demostran o interese cada vez maior das familias e das empresas por vivir plenamente na Sociedade da Información, complementando cunha cobertura dixital que vai dando pasos malia os importantes atrancos de dispersión demográfica e complexa orografía. Segundo o máis recente informe do observatorio galego OSIMGA, dependente da axencia AMTEGA, tres de cada catro fogares do rural galego (máis dun 76%) contan con acceso a Internet, o que supón un incremento de máis dun 20% en catro anos. Ademais, a convivencia con estudantes eleva a contratación a máis do 97% situándose en cifras semellantes a fogares con estudantes de zonas urbanas.
O estudo sinala que o 68,7% dos galegos residentes no rural utilizou Internet nos últimos tres meses, o que supón un crecemento de algo máis de 6 puntos no último ano. O 33,1% utiliza a Rede para facer compras e o 50,7% a usa para acceder a servizos de Banca Electrónica.
Respecto ás compras online, o observatorio fai saber que “os galegos de zonas rurais salientan por riba da media da Comunidade na compra de roupa e complementos (o 55,3% dos residentes no rural e o 52,3% en Galicia), na adquisición de roupa e material deportivo (32,3% no rural e 31,7% do total) e na procura de equipamento electrónico (23,9% fronte ao 21,6%)”. Amais, OSIMGA lembra que tamén medra, en medio punto porcentual, o uso de dispositivos electrónicos, que se utilizan ademais de para realizar chamadas, para conectarse a Internet (74,2%), sacar fotos (65,8%) ou gravar vídeos (51,8%).
Asemade, o informe reflicte que que “as redes sociais son un recurso de Internet empregado polo 65,8% dos internautas residentes no rural”. E engádese: “Este uso está fortemente relacionado coa idade, superando o 90% dos internautas que as utilizan antes dos 44 anos e comezando a descender a medida que se incrementa a idade”. Tamén empregan as redes para chatear ou enviar mensaxes (99,4%) ou para ver/compartir vídeos ou música (64,2%).
Por outra banda, o uso de aplicacións entre os internautas galegos do rural (94,6%) e os das zonas urbanas (94,5%) é “practicamente semellante”, explícase na investigación, engadindo que “a grande maioría usa exclusivamente aplicacións gratuítas (97,9%) e as utilizan para redes sociais (96,1%), coñecer a predición meteorolóxica (70,9%) e usar a banca electrónica (46,4%)”.
Incidentes
Os internautas galegos residentes no rural sufriron menos incidentes de seguridade que o conxunto dos galegos que se conectaron a Internet no último ano: 25,8% no rural e 28,5% do conxunto de Galicia. O incidente máis frecuente é a recepción de correo lixo, spam, que supón un 78,9% dos incidentes. A grande distancia sitúanse as vítimas de virus ou software malicioso (21,4%).
“Un dos factores que poidan incidir neste feito”, engade o informe, “é que os internautas residentes no rural mostran maior cautela que o conxunto de internautas galegos á hora de subministrar información sensíbel na Rede”. Así, é menos frecuente que subministren datos persoais (54,9% no rural fronte ao 62,8% da media galega) ou que faciliten detalles de pago como o número de tarxeta de crédito ou de conta corrente (41,6% fronte ao 51,3% do conxunto de Galicia). Malia todo, o 56,8% non toma medias para protexer a súa intimidade na Rede, como cambiar o contrasinal do Wi-Fi privado ou facer copias de seguridade regulares da súa información (37%).

PUBLICIDADE